Tiña
as mans porosas porque era máis cristián que outra cousa. Os
cristiáns teñen as mans moi porosas, e se son de nacemento, aínda
máis.
Dende
tempos inmemoriais a súa familia é devota de todos os santos, e
pasou a infancia e parte da adolescencia unicamente entre rezos e
misas, de aí que a porosidade -que se facía máis evidente cando se
vía cara o sol- das mans de Pauliño Xunqueiras, fora magnífica.
Pauliño foi acólito da parroquia durante todo un ano, e ó fin do
ciclo, o cura deulle 500 pts. E aínda que dixo que nunca fixo o
labor por cartos, coincidíu o día que cobrou co día no que matou o
lume da última candea no altar. Nunca máis quixo axudar, e dende
aquela, faille as beiras ós musulmáns da vila, que son poucos e
austeros, pero moi crentes.
Ergueron
unha mezquita dentro dun local que esta sito no 1 da Rúa de
Fabrahaño, nos arrabais da vila. Os mouros rezan cada día e
Xunqueiras, que segue indo á misa todos os domingos e festas de
gardar, vai onda eles cando é a hora de oración e fai o xesto.
Inclina o corpiño chepudo cara a Meca e di en alto as verbas árabes
que aprendeu do seu amigo Al-Hamibar, a quen coñeceu na xuntanza da
AMRAD (Asociación de Mozos Relixiosos Abertos e Diplomáticos), que
leva coma causa e obxectivo único, o de mellor levar a convivencia
dos novos pertencentes ás relixións actuantes -e motivantes- do
sitio. Alí o levou o seu mellor amigo, o xudeo Abelardo Gaibor, que
é descendente da histórica familia xudea -e xudaizante- Gaibor de
Monforte de Lemos, que ata foron perseguidos pola Santa Inquisión na
Idade Media.
Dos
xudeos recolleu a súa querencia e admiración por Moisés, que para
Xunqueiras, xa de cando neno, é personaxe moito máis forte e
milagreiro que Xesús e Muhammad xuntos. Moisés -que fendeu o mar
vermello coma se fora manteca- é un heroe, di Pauliño Xunqueiras,
que sempre o tivo na mesma consideración que a Hércules ou a Conan.
Por iso, non podía máis que facerse membro da comunidade xudaísta
-inda que segue indo a misa, e ora cara a Meca-, que leva en Moisés
ó seu máis importante referente.
Porén,
conserva xunqueiras a porosidade nas mans, máis lene pero ben
apreciábel, e tamén conserva a curvatura nas costas propia da
oración cos mouros.
Pauliño,
sen ser devoto de ningunha, cae así no medio das tres relixións que
hai no lugar e acaba de ser elixido presidente da AMRAD por maioría
absoluta. O seu
discurso de investidura versou sobre Moisés baixo o título: MOISÉS;
A CONSTANTE IMPORTANTE. Co seu subtítulo; “Unha
ensinanza de comunidade”.
