viernes, 21 de febrero de 2014

O xigante durmiñón e as bestas ananas

Había un xigante moi grande, de cabelos dourados e vizosos como as terras fértis dos antigos. Xigante durmiñón, quedo nun sono de mil anos, acubillado no val frondoso. O seu sono secular ofreceu bonanza para os ananos, que fixeron del, enriba do seu corpo durminte, un ecosistema autosuficiente.

E sobor da súa pel de coiro, imperméabel, levaron terra que cultivaron, e sepultaron en vida aquela mole, e fixeron casas e lumes, e xogaron, e guerrearon, e traballaron, e rubiron coma fan os bodes no monte, por entre as súas costelas, o seu peito, as súas orellas... Adentráronse nas covas dos seus fuciños e criaron nel vástagos a eito coma bestas ananas; Fixeron do xigante -durminte durante douscentos lustros-, un monte feráz que deu todo o que querían os pequenos -pequeniños- homes e mulleres dese outo lugar. Mil anos de lar. Mil anos de xigante.

Pero pasou que, no albor dun día calquera, o xigante adormentado espertou.

Coma sempre fixeron os xigantes.


Ilustración de Daniel Barbazán para o texto "O xigante durmiñón e as bestas ananas"

martes, 11 de febrero de 2014

O montaraz Galero de Fígaro

Galero de Fígaro é fillo dun irlandés e dunha moza de Relandoira. O nome de Galero di que lle veu herdado dun antepasado seu que traballou de escravo para os navegantes romanos. Di tamén que nesas remadas coincidíu con Judá Ben-Hur -o da película-. Ninguén lle advirte xa que este foi un personaxe de ficción.

Vive no monte baixo de Ridonvedra, onde recolle o cotío común da normal tranquilidade solitaria, -que case non hai xente arredor, -que as persoas andan moi lixeiras nos baixos do monte ou ben nos altorelos, -que raramente se ve xente entre o lusco e fusco desa mole. Alí vive gustoso e humilde de par dun codexo milenario que lle dá sombra no estío e amparo no inverno. Ao codexo chámalle San Zacarías, pola semellanza que a súa forma de xestas ten co santo -según el-. Ningunha conversa ten que dar. Só bate coa xente se quere.

Galero é feliz porque é dono de seu.

Eu levaba a encarga da policía local de vixilar a Galero, e un día no que o sol ía xa en en caída e dilatado até formarse co aspecto dunha grande masa mol, fun cara o monte baixo de Ridonvedra, e confundinme na mesta meseta de xestas. Pasei a noite e todo o día seguinte encollido e quedo sobre a rocha durminte do outo, e puden ver que o que alí facía Galero de Fígaro, era nada. 

E tanta nada fixo, e durante tantos días seguidos, que eu mesmo deixeime levar por ese encantador embruxo da pracenteira nadería, e pasei a facer o propio.

Para cando o alcalde en persoa -posiblemente preocupado-, subía polo monte para saber de min, escondinme detrás de San Pancracio. 

Datos personales

Seguidores