- Sr. Presidente:
Son Xosé Antón Borralla e quero
seguir formando parte do partido no meu pobo, que non é nin aldea.
Por petición do subdelegado, escríbolle
estas letras relatando o meu asunto;
A ver... Eu gusto abondo de ser guapo,
e se “per se” isto xa sería suficiente para a maioría, preciso
tamén de vestir con roupa cara de marca -boa- e con certo “look”
que, según me di o subdelegado, non é de rigor para o partido.
A ver... A miña face loce con moito
máis xeito e razón -ós ollos dá- se o cabelo -dun loiro celta
abrumador- me cae á dereita. Gústanme os ruliños xeitosos que se forman á altura da noca, e tamén de par das orellas. Enrédase
tan cuquiño... ¡e faime cóxegas se minto!, o cal é un garante da
miña implicación coa verdade.
A ver... As garabatas de seda de Hermes fanme o colo fino, e os traxes de Armani séntanme coma un pincel
-que din-.
A ver... O xersei, cando fai calor, o
levo sobre as ombreiras, unindo as mangas cun nó sobre o meu peito,
que é como mellor loce un Lacoste. Os Lacoste -xa postos- teñen
unha caída especial, propia... natural. Encaixan no corpo coma o
cotón nos campo chairos tropicais. Moi puramente. Tal conxunción
entre roupa e humán, voume permitir dicir -e agardo que vostede
permita ler- que só é comparable á magnífica simbiose que dan os
polos de Ralph Lauren.
Porén, no asunto importante da
ideoloxía estou ben; Non hai punto do programa e dos estatutos que
non poida defender e mesmo o defenda se fai falta -que inda non
fixo-. Pero os descursos, por mor do que lle digo e seguindo as
indicacións do subdelegado, só os dou na radio municipal.
A ver... Teño unha voz outa moi
significativa -que todo o mundo loa polo seu son lixeiramente
aterciopelado e grave elocuencia-, e falo incidindo con determinación
nas verbas que digo -nin unha dúbida afirmando todo o que defendemos
no partido, nin trabas... nin sequera cacofonías-, polo que convenzo
moi ben do noso. Do que defendemos no partido.
A ver... Son consciente de que o meu
problema de imaxe é un inconvinte de cara á galería e de que non é
sinxelo de resolver, porque, escríbolle con moito respeto e
sinceridade, eu non vou andar por aí coma un calquera, con pantalóns
de pana ou camisetas baratas. Non sería xusto.
A ver... Se atende esta escrita con
pensamento serio, sería cousa de ser máis firme que nunca, e
comezar conmigo a renunciar á marca de estilo que, hai que
admitir con liberdade, é unha pesada lousa ou rémora que temos no noso
amado e histórico partido.
Por iso lle escribo.
A ver... ¿Podo seguir no partido?
..................................................................................................................................
- Sr. Borralla:
A ver... Non.
