viernes, 19 de septiembre de 2014

Carta do Sr. Borralla ó presidente do partido (e contestación)

- Sr. Presidente:

Son Xosé Antón Borralla e quero seguir formando parte do partido no meu pobo, que non é nin aldea.

Por petición do subdelegado, escríbolle estas letras relatando o meu asunto;

A ver... Eu gusto abondo de ser guapo, e se “per se” isto xa sería suficiente para a maioría, preciso tamén de vestir con roupa cara de marca -boa- e con certo “look” que, según me di o subdelegado, non é de rigor para o partido.

A ver... A miña face loce con moito máis xeito e razón -ós ollos dá- se o cabelo -dun loiro celta abrumador- me cae á dereita. Gústanme os ruliños xeitosos que se forman á altura da noca, e tamén de par das orellas. Enrédase tan cuquiño... ¡e faime cóxegas se minto!, o cal é un garante da miña implicación coa verdade.

A ver... As garabatas de seda de Hermes fanme o colo fino, e os traxes de Armani séntanme coma un pincel -que din-.

A ver... O xersei, cando fai calor, o levo sobre as ombreiras, unindo as mangas cun nó sobre o meu peito, que é como mellor loce un Lacoste. Os Lacoste -xa postos- teñen unha caída especial, propia... natural. Encaixan no corpo coma o cotón nos campo chairos tropicais. Moi puramente. Tal conxunción entre roupa e humán, voume permitir dicir -e agardo que vostede permita ler- que só é comparable á magnífica simbiose que dan os polos de Ralph Lauren.

Porén, no asunto importante da ideoloxía estou ben; Non hai punto do programa e dos estatutos que non poida defender e mesmo o defenda se fai falta -que inda non fixo-. Pero os descursos, por mor do que lle digo e seguindo as indicacións do subdelegado, só os dou na radio municipal.

A ver... Teño unha voz outa moi significativa -que todo o mundo loa polo seu son lixeiramente aterciopelado e grave elocuencia-, e falo incidindo con determinación nas verbas que digo -nin unha dúbida afirmando todo o que defendemos no partido, nin trabas... nin sequera cacofonías-, polo que convenzo moi ben do noso. Do que defendemos no partido.

A ver... Son consciente de que o meu problema de imaxe é un inconvinte de cara á galería e de que non é sinxelo de resolver, porque, escríbolle con moito respeto e sinceridade, eu non vou andar por aí coma un calquera, con pantalóns de pana ou camisetas baratas. Non sería xusto.

A ver... Se atende esta escrita con pensamento serio, sería cousa de ser máis firme que nunca, e comezar conmigo a renunciar á marca de estilo que, hai que admitir con liberdade, é unha pesada lousa ou rémora que temos no noso amado e histórico partido.

Por iso lle escribo.

A ver... ¿Podo seguir no partido?

..................................................................................................................................

- Sr. Borralla:


A ver... Non.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales

Seguidores