Galero de Fígaro é fillo dun irlandés e dunha moza de
Relandoira. O nome de Galero di que lle veu herdado dun antepasado
seu que traballou de escravo para os navegantes romanos. Di tamén
que nesas remadas coincidíu con Judá Ben-Hur -o da película-.
Ninguén lle advirte xa que este foi un personaxe de ficción.
Vive no monte baixo de Ridonvedra, onde recolle o cotío común da
normal tranquilidade solitaria, -que case non hai xente arredor, -que as persoas andan moi
lixeiras nos baixos do monte ou ben nos altorelos, -que raramente se
ve xente entre o lusco e fusco desa mole. Alí vive gustoso e humilde de par
dun codexo milenario que lle dá sombra no estío e amparo no
inverno. Ao codexo chámalle San Zacarías, pola semellanza que a súa
forma de xestas ten co santo -según el-. Ningunha conversa ten que
dar. Só bate coa xente se quere.
Galero é feliz porque é dono de
seu.
Eu levaba a encarga da policía local de vixilar a Galero, e un
día no que o sol ía xa en en caída e dilatado até formarse co
aspecto dunha grande masa mol, fun cara o monte baixo de Ridonvedra,
e confundinme na mesta meseta de xestas. Pasei a noite e todo o día
seguinte encollido e quedo sobre a rocha durminte do outo, e puden
ver que o que alí facía Galero de Fígaro, era nada.
E tanta nada
fixo, e durante tantos días seguidos, que eu mesmo deixeime levar
por ese encantador embruxo da pracenteira nadería, e pasei a facer o
propio.
Para cando o alcalde en persoa -posiblemente preocupado-, subía
polo monte para saber de min, escondinme detrás de San Pancracio.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

No hay comentarios:
Publicar un comentario