viernes, 9 de mayo de 2014

O ADEVOTO XUNQUEIRAS


Tiña as mans porosas porque era máis cristián que outra cousa. Os cristiáns teñen as mans moi porosas, e se son de nacemento, aínda máis.

Dende tempos inmemoriais a súa familia é devota de todos os santos, e pasou a infancia e parte da adolescencia unicamente entre rezos e misas, de aí que a porosidade -que se facía máis evidente cando se vía cara o sol- das mans de Pauliño Xunqueiras, fora magnífica.

Pauliño foi acólito da parroquia durante todo un ano, e ó fin do ciclo, o cura deulle 500 pts. E aínda que dixo que nunca fixo o labor por cartos, coincidíu o día que cobrou co día no que matou o lume da última candea no altar. Nunca máis quixo axudar, e dende aquela, faille as beiras ós musulmáns da vila, que son poucos e austeros, pero moi crentes.

Ergueron unha mezquita dentro dun local que esta sito no 1 da Rúa de Fabrahaño, nos arrabais da vila. Os mouros rezan cada día e Xunqueiras, que segue indo á misa todos os domingos e festas de gardar, vai onda eles cando é a hora de oración e fai o xesto. Inclina o corpiño chepudo cara a Meca e di en alto as verbas árabes que aprendeu do seu amigo Al-Hamibar, a quen coñeceu na xuntanza da AMRAD (Asociación de Mozos Relixiosos Abertos e Diplomáticos), que leva coma causa e obxectivo único, o de mellor levar a convivencia dos novos pertencentes ás relixións actuantes -e motivantes- do sitio. Alí o levou o seu mellor amigo, o xudeo Abelardo Gaibor, que é descendente da histórica familia xudea -e xudaizante- Gaibor de Monforte de Lemos, que ata foron perseguidos pola Santa Inquisión na Idade Media.

Dos xudeos recolleu a súa querencia e admiración por Moisés, que para Xunqueiras, xa de cando neno, é personaxe moito máis forte e milagreiro que Xesús e Muhammad xuntos. Moisés -que fendeu o mar vermello coma se fora manteca- é un heroe, di Pauliño Xunqueiras, que sempre o tivo na mesma consideración que a Hércules ou a Conan. Por iso, non podía máis que facerse membro da comunidade xudaísta -inda que segue indo a misa, e ora cara a Meca-, que leva en Moisés ó seu máis importante referente.

Porén, conserva xunqueiras a porosidade nas mans, máis lene pero ben apreciábel, e tamén conserva a curvatura nas costas propia da oración cos mouros.

Pauliño, sen ser devoto de ningunha, cae así no medio das tres relixións que hai no lugar e acaba de ser elixido presidente da AMRAD por maioría absoluta. O seu discurso de investidura versou sobre Moisés baixo o título: MOISÉS; A CONSTANTE IMPORTANTE. Co seu subtítulo; “Unha ensinanza de comunidade”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales

Seguidores