Andaron por montes secreteiros,
enfestas baralleiras, abruptos cantís, murmuriosas chairas. Entre
temperás brétemas frescas, chuvias insondábeis e longas xeadas que
durante eses prezados anos foron indo. Anos de andainas funestas, ó
primeiro amenizadas de conversas entre os andantes animosos que
mudaron -paseniñas- co devir inexorábel do tempo, cara o silencio
animal até chegar ó son último de pisadas e alentos.
Os ollos foron compoñendo unha única
mensaxe na mingüa comunicación: Nesas destemidas miradas estaba, de
certo, a verdade. Unha esmorecente verdade imperecedeira, inmutábel
e estrondosamente real.
Tempo despois, tamén deixaron de
mirar-se.
E mantiveron a esperanza durante aquel
camiñar silencioso.
E seguiron camiñando.
E ó comezo viron a fauna e flora do
lugar, toda enredada nos seus devires concretos e inminentes. O
paxariño, que era diferente cada rato, piaba contento según
quixera. O coello, por exemplo, que era outro en cada intre, rondaba
aparentemente ledo entre os codexos sen angueiras, e o estío
mixiricas -calquera de todos os que viron-, que rubía e baixaba das
árbores coa soltura que dá a ignorancia do mundo... e así todos os
animáis que ían vendo; volboretas danzantes, formigas laboriosas,
raposos pillastres, miñocas bambeantes...
O seu debilitamento moral -o dos
animáis do monte-, según -ó principio de todo- eles -camiñantes-,
era non ter un propósito lonxe da certa inminencia, e facía deles
uns seres despreciábels e inferiores; O presente, sempre pecho e
concreto, único e inmutábel, era o seu triste e silandeiro cotío.
O futuro, cos seus infinitos arbitrarios, era unha carga misteriosa
ignota para os animáis do monte.
Eles sí, que desprezando a rutina
probábel do presente e o carácter obsceno do pasado, camiñaban en
pos dun futuro que daría a un mundo insondábel de mil marabillas
eternas, inconfudiblemente fermosas, delicadas coma un ronsel de luz
divina, celeste coma un mar aberto. Océano colmado de ben, de
amor... doce.
Algueiro camiñaba con todos, mais o
seu deambular era impefecto, e os outros decatáronse do aquel
desatino. Nos últimos días -dixen xa- todos deixaron de mirar e
nada máis vían sen observar o mundo que se lles presentaba. Aquela
visión, sen interese intelectual, converteuse en mera estética
transitoria carente de aptitude sensorial. Sen embargo, o do Zócalo,
a cotío ensimismado polo mundo de redor, incluso cometía o exceso
de abandoar a fila para -logo da observación-, incorporárse
discretamente cada vez nun sitio máis retrasado da columna de
andantes.
Até chegar a ser o último.
O bambeo das enormes árbores zoando co
ar húmido para conmutar a razón pola fantasía evocadora dese mar
invisíbel de vida que ía suspendida, que axitaba con suavidade
imperecedeira os ramallos aqueles...
-que tanto ben lle fan á planta-.
Aquelas augas que ían polos regatos
dos tritóns que Algueiro miraba co seu cotío de erráticos andares
e pausas eternas, coma se aqueles bichos desfrutaran tanto do sutil
tácto da barriga coa verde pedra húmida e musgosa, coma el de ollar
para eles.
Aquelas augas nas que saltaban as
troitas en chimbos que lle ofrecían a reflexión da ledicia que só
el, de todos os membros da procesión que se reflexaba sobre a
prístina apariencia, parecía imaxinar.
Os andantes mantiveron fatal propósito
dun xaxún involuntario que converteu ós membros todos en esclavos
dun alo imaxinado. Tan irreal... Tan afastado da físicidade do
encoro grande do mundo... Miúdos e lixeiros, ían perdendo corpo e
fixéronse pequenos até ser namáis que esqueletes cubertos por unha
fina codia de pelexo chea de cabelos erizados e grises, coma un mar
batido baixo o celeste ceo de marzo.
A pesar da rutina indiscutíbel de
todos, Algueiro minou máis lento; Aquela natural actividade que
mantiña evitoulle a sinrazón. Consciente da fatal inminencia dese
mal irreversíbel da desnutrición que todos padecían, o mesmo que
ollaba o mundo, recollía doces froitos de árbores senlleiras.
Nos longos períodos de andaina calma,
matinou nos andantes. Nos que foran os seus concretos amigos ó
comezo da aventura e que agora imaxinaba na cabeceira da fila
camiñando en silencio.
¿Como podía ser que aquela forza
inexplicábel movera as almas de todos? ¿Onde quedou o coñecemento,
a memoria, a razón? Logo comprendeu que o entendemento era unha
brétema esvaecente.
E nestas estaba
cando a
fila
bateu con algo
e parou.
Ninguén deu un paso máis e o
silencio fíxose máis estrondoso e sinistro.
…..........................................................
A terrorífica quietude invadíu ese
lugar estrano que con aquela luz do día, semellaba unha cova feita
coas árbores mortas da historia. As súas copas espallaban mestos
ramallos enlazados que facían sombra tupida nese lonxano sitio
angostro.
De súpeto, silenciosamente, apareceu
unha lene sombra de orixe ignoto que permitíu a Algueiro ver de novo
o luscofusco do resto dos camiñantes, que permanecían, despois de
tantos anos camiñando, bambeándose sobre sí mesmos sen dicir ren.
Agora agardaban;
Acaso unha acción, un pensamento ou
unha aparición cuxa orixe última -ou primeira- viría da sombra.
A sombra.
A sombra.
A sombra.
Cada vez máis intensa e branquecina,
exerceu un meigo influxo nuclear que absorveu todas as miradas dos
camiñantes.
No adentro espiritual de Algueiro, algo
lle impedíu confluir nese común ollar embruxado.
Tras dun intre inmortal, a sombra
aquela, terrorífica, converteuse nun corredor estreito de paredes
infindas que esmorecían en perspectiva pechándose sobre sí mesmas
ata bater as súas intencións contra unha cavidade pequena, fina
como a codia dunha árbore, estreita coma estreito é o lombo dun
paifoco e cuxa marxe de rocha ardente, evitaba a confluencia final
entre as paredes.
Os inmortais avanzaron cara o fin da
corredoira inmunda para logo pasar en fila baixo umbral da miúda
oquedade, que era o final do aquel traxecto eterno.
Paseniños, movéronse cara o sitio. Un
a un, todos pasaban de canto pola mínia cavidade que os agardaba
cunha negrura inmensa. Algueiro, entón, reparou na idea arrepiante
que tiña o fundamento na cruel natureza que foi arriando ós humanos
durante o longo periplo de andaina; Un atroz movemento universal que
afastaba á humanidade da beleza sensorial e minaba os involuntarios
corpos co fin de convertelos en cadávres semovintes que, encorvados
sobre sí mesmos, revirados nun intre cativo, couberan, ó final do
seu deambular, por esta entrada enrochada que agardaba cun estrano
mirar sombrizo.
A cavidade, a sombra, esas tebras...
E canto máis preto estaba da porta,
máis cativa se facía, máis estreita e imposible para o seu corpo
longo cheo aínda dos aires grandes da vida, do consolo, da decencia,
da moral, dos soños, das arelas, da emoción.
E canto quixo entrar no infindo desa
luz eterna, xa non había máis que un fino paso e bateu a cadeira
roxa coa rocha ardente que o apartou.
E cando a soedade apareceu natural nese
mundo que deixara atrás, virouse lentamente, contemplou o pasado, e
alí quedou, Algueiro de Zócalo.
Para a eternidade.

No hay comentarios:
Publicar un comentario