martes, 7 de febrero de 2012

Amadeo de xabullo


    O boi Amadeu de xabullo era almallo curioso, e aproveitando que figuraba no pasto que había de par do xulgado, arrimaba a orella á ventá da sá de vistas para saber dos casos que alí se daban. Amadeu xa tiña sona entre os propios, de saber máis Dereito e Xurisprudencia que a xuíza titular. Incluso se decía que nas tardiñas, cando a xuíza tiña dúbidas sobre a inclinación que había tomar nun particular caso escuro, abría a ventá e llo comentaba en alto, recollendo case sempre na sentencia, o bo criterio de Amadeo.

     E conto o meu primeiro pleito no lugar. O meu cliente atentara á integridade da roseira que había na casa de D. Feliberto, o cura do sitio. Agresión que fixo, según a xuíza, con nocturnidade e coa agravante de disfraz. En realidade, o meu cliente, Pepe da xesta, o fixo de noite porque saía do traballo pechadas as oito, e para aquela era inverno e os días ían curtos. No tocante ó disfraz, o certo foi que levaba os morros enfeitados cun mostacho de pega. Nembargantes, tal dismulo non tiña intención de enganar sobre a identidade, senón que viña orixinado pola fama ben coñecida no pobo, de que os bigotes -mellor se eran de cor negra-, por algunha razón, aterrorizaban ó can vixía da casa. No tocante ó desrose, todo hai que decilo, é certo que eliminou por completo a densidade da floritura até deixar tan só os talos e algunha que outra espiña. O perxuicio era evidente. Emporiso, non había razón algunha para aumentar a pena cos agravantes.

     Na vista do caso, aducín facendo fincapé na boa intención final do feito e de que o acto delictivo tiña por fermoso obxectivo, o engalanar a declaración de amor que esa noite levaba o meu cliente para coa súa moza, María do regato.

     Cando saín do xulgado e mentras encartaba a documentación, escoitei un lixeiro asubío polo canto da orella dereita e que viña do prado adxacente. Cando virei, puden ver a Amadeo que miraba para min axitando ó mesmo tempo a cabeza e os cornos para os lados, facendome entender así, que nada había que el pudera facer. Coma se ese caso non llo foran a consultar.

   - “Meu benquerido letrado, aquí non che hai xustiza para os románticos”

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales

Seguidores