miércoles, 29 de febrero de 2012

Bran do Gomo


      Bran do Gomo vivía pracidamente no alto picouto do monte das Freixas. Tiña por contento o cultivo de cenorias encarnadas, as cales prantaba durante todo o ano. Criou coa devoción de cando a súa nai, “Maruxa do Fiuncho” -e que Deus a teña na gloria-, lle daba de neno as paparretas feitas de cenorias fervidas. E decía Bran que aquel fora o segredo da súa fortaleza física que, arrimada á pacencia que de seu herdou do pai, facía posible que andivera na eira coa hortaliza ata quince ou dezasete horas ó día. O seu era un tratamento delicado e fino que daba a gloria dunhas cenorias que podían levar a sona mundial se polo mundo andiveran.
    Nembargantes, con todo o sabor que se apunta, namáis eran delicia catada polo propio e polo vetirinario Ataulfo, que de cando en vez acudía ó lugar aquel de altura, de costas feitas a pé e polas que nunca pasou carro algún. Bran llas daba de balde e en boa recompensa pola camiñata subida, pedindo ademáis a contraprestación dun diagnóstico de saúde. Ataulfo, como se dixo, era vetirinario de oficio e non médico, pero iso a Bran éralle o mesmo - “metemos, botamos e durmimos, eche a mesma cousa”.
    O lugar de Bran no mundo, que de toda a vida soio no pico non quería as lerias da sociedade, era un ben de altura, pois ninguén máis do pobo do leito -que Bran divisaba sentado no lugar das augas maiores, dende a ventá do cuarto das necesidades-, visitaba nunca o lugar que daba aquelas sabedoras cenorias, o que era benestar pola ausencia de molestas e parvas xentes faladoras. Mesmo lle advertía ó bo de Ataulfo que nin a punta dera de proba a ninguén. Se unhas cenorias non valían para os aldeáns unha subida, entón non valían nada... os veciños... aqueles que por badanas, nunca subiran ó lugar das cenorias sabedoras que Ataulfo, desobediente por compartir o manxar, repartía ás veces na feira.
    Pero sucedeu un día o fado, e velaiquí o conto, que de xeito inexplicable e repentino, aquel pico alto e inexpugnable, comezou porque sí e sen forza aparente vertida, un leve e inapreciable bambeo para os lados que de primeiras lle fixo perder uns metros de altura. Na vista debeu darlles ós veciños menos folgazáns da aldea, que por intres tentaban de subir coa idea de que a física xa non era tan imposible, e inda que algúns desistían perante o esforzo -que de certo aínda o era-, outros conseguían chegar até o par da mesma eira, e Bran, sen conversa algunha porque non gustaba das xentes, namáis que obsequiaba o esforzo cun manoxo de cenorias.
    E foi tal, que a sona das cenorias e a perda de altura do picouto comezou a difundirse con briosa voz polos faladoiros da aldea do leito, e case coa mesma cadencia que o curuto perdía altura, máis e máis veciños tentaban a subida. E cada vez máis chegaban arriba coas cestas prestas para a delicia encarnada das cenorias cultivadas. 
    Ó fin do ano ese, o pico perdera xa uns cincuenta e tres metros de altura, e un cuarto da aldea -agora que o alto non era tan alto-, chegaba xa á eira na procura da delicia culinaria que Bran prantaba, o cal, certamente alegraba a súa significancia, e máis cando vía as faces dexencaixadas das xentes afamadas en cada incada de dente. Era feliz polas cenorias e nembargantes, as repentinas visitas das xentes chans facíanlle mal a Bran, que ós poucos enfermaba de sociedade. Cada día o monte perdía altura, e cada día Bran enfermaba máis porque recibía máis feixes de visitas. E chegou un intre de urxencia tal, que o do Gomo, dende a cama e mentras subían en balbordo pola montaña antes inhóspita, xa escoitaba ás xentes dende moito tempo antes de que chegaran. Mesmo pola noite, xa de madrugada, Bran erguía en suor o corpo sacudido polas imaxinadas xentes que andarían ás arraxadas na súa eira... ou polos murmurios dos veciños que organizaban dende a aldea, unha excursión para o día seguinte.
    E entre as enfermidades todas que nunca tivera, cada vez máis lonxevas, chegou por fin o mal día do toque de altura rasa do que fora o picouto do monte de Freixas, que xa formaba chan na parte septentrional da aldea, e as cenorias enfeitaban o prado como un manxar de Reis ó alcance dos porcos. Entón, foi o día, co nordés entrando con forza e as xentes colleitando nas cenorias, que Bran do Gomo, o máis talentoso agrónomo de cenorias do mundo, morría dunha enfermidade rara que lle trouxo a sociedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Datos personales

Seguidores